Recolección de cultura popular

Textos elaborados a partir da memoria colectiva do pobo galego

A PEZOÑA PINTADA


Píntega, pezoia, pinchorra, pinta, roncha, sacabeira, sacarrancha, salamántiga, alamándrega, salmantiña, saramaganta, zaramela, zampesa veñen sendo a mesma cousa: bichoco que case todos coñecen e a moitos dá noxo. Ben sei que sería preferible adicar este espacio a seres máis fermosos. Sen embargo, todos somos importantes –se non que llo pregunten á interesada- e é obrigado reparar a inxustiza que durante séculos se cometeu e se comete contra a calumniada e repudiada pinchorra, aínda que se poña en cuestión o bo gusto. A píntiga é un anfibio, para máis datos Urodelo, que non usa moito a auga: só, en ocasións, cando nace, que a nai bota as crías ao mundo metendo o rabo e salvas partes nas augas ben osixenadas, e coidando de non caer, xa que podería afogar (pero a nai tamén pode parir en terra as crías xa desenroladas). É, ademais de ovovivípara, algo máxica. Na cuestión sexual é do máis curiosa. O macho non ten caralliño –dispensando- e ás súas partes, que imitan moito ás da femia, déronlles en chamar cloacas (supoño que eles non son sabedores deste horrendo apelativo). Saca o galán a gorxa para fóra, e logo de voltas, arrumbóns, e brincadeiras –cada un disfruta como pode, eu aí non me meto- déixalle á femia un paquete (espermatóforo) coa súa semente dentro, que ela recolle, gustosa e tenramente, cos labios do seu órgano, para fecundar os oviños que agardan dentro de si.
As larvas que nacen na auga, logo da metamorfose, convértense no adulto que todos coñecemos: manchas amarelas ou laranxa sobre fundo negro, traxe que chaman aposomático e que serve para indicar aos seus posibles inimigos con pretensións gastronómicas que busquen outro bocado; ela sabe a raios e mesmo queima na boca de quen se atreve a comela, gracias a unha secreción cutánea tóxica. Esta é a súa defensa, polo que é precaución sobrada, se se andivo con ela, lavar ben as mans para que non irriten as mucosas que é todo o mal que nos pode facer. Pero esta defensa, xunto a que só anda pola noite, pode ser a orixe dunha mala sona que a transformou nun ser maléfico capaz de facer grandes prodixios. Son imnumerabeis os relatos que dela se contan e que se repiten cunha grande similitude. Eu escoitei o finado e lendario Farruco de Lema, alá en Baldaio, a historia que despois volvín a oír e que lin en diferentes lugares. Contaba que “estaba unha parella de mozos a beira dunha xestas; a rapaza colleu unha ponliña e pasouna pola boca: non ben o fixo, sentiuse mal. Foi a peor e morreu. Cando arrincaron a planta atoparon na súa raigaña unha pínchorra.” Os meus alumnos do Deza asegurábanme que unha súa veciña perdera a última falanxe dun dedo por tocar sen querer a pezoña, e tamén contaban de outros aos que lles saíran manchas na pel como as da pinta porque rozaran cunha delas.. Na cultura popular recoñécenselle poderes potentes, como os de seren inmunes ao lume; e outros que poden transmitir a distancia. Os aires da píntiga, e dicir, o seu bafo ou alento, ou, simplemente, o seu paso, pode comunicar males terroríficos. Non é pois estraño o que ocorría no instituto: o edificio fora construído recentemente nun lugar húmido; cando chegaba a primavera coas súas chuvias mornas as píntigas,que habitaban o lugar antes de que se fixera nel tan nobre espacio de saber e cultura, saían na noite e quedaban atrapadas na trampa das zonas asfaltadas. E polas mañáns, cando chegaba o alumnado, producía unha matanza entusiasta coa convicción de que estaba librando o mundo dun monstro terrorífico. O profesor Ramón Balado e máis eu tentabamos corrixir estas actitudes pero facíase difícil porque os/as alumnos/as estaban absolutamente convencidos de que a píntiga producía doenzas, e mesmo dicían coñecer a quen as padecía que ás veces era un parente seu. Tampouco serviu de moito que Manolo Rivas aclarara que as lavandeiras non perdían as unllas por causa do aire das píntigas senón que era pola sosa dos xabóns. Ou cando Castroviejo no seu relato “visiones en el bosque” convertíaas en animais mitolóxicos que gustan do afecto dos filósofos, que son inimigas dos homes groseiros e que a súa morada habitual son as nubes vaporosas, iluminadas e belas. En canto a un trato respectuoso con elas eu teño visto a Xurxo Mouriño, un clásico do ecoloxismo galego, como, nun encontro cun par de pequenas pintas no Candán, apartábaas delicadamente do camiño para poñelas a salvo de posibles accidentes e non por iso perdeu os dedos ao manipulalas, nin lle saíron as manchas da pinta polo corpo, e segue, co seu clásico atractivo, sendo un divo para os/as amantes da natureza. Outro caso, rigorosamente certo, do que tamén fun testemuña, é o dun personaxe, Henrique Argenton, que, procedente da Costa Azul francesa casou na Agualada e que cando instalou un invernadoiro tiña como mascotas un par de píntigas. Diferenciábaas, e, orgulloso, recollíaas con coidado e cariño e aínda as bicaba!!. Ningún destes feitos nin ensinanzas, nin tan sequera os traballos e guías especializadas poden contrarrestar eficazmente os séculos de crenzas antigas transmitidas polas queridas e sabias avoas. A sacabeira anda a modiño, silandeira e polas noites, ten inimigos que desprezan o súa pezoña pero sen dúbida quen lle ocasiona máis baixas e o home: lixando a auga, co tráfico rodado ou dándolle morte directamente. Queda pois aínda bastante por facer para situar as lendas no seu lugar e devolver á píntiga a sona que merece, pois, sendo xusto hai que recoñecer que guapa non é, segundo os nosos cánones pero si interesante tanto para o equilibrio natural como para os agricultores xa que se ocupa de limparlles o horto de caracois, lesmas e demais bicharía indesexable. Por último dicir que hai moita diversidade de píntigas. En Galiza temos dúas subespecies: unha é a Salamandra salamandra galaica e o outra é a Salamandra salamandra bernadezi, diferénciase nas manchas do corpo, polo tamaño, a forma do fociño, e outras características aínda que se misturan e se reproducen sen problemas. Outra cousa é a súa parenta a Chioglossa lussitánica que difire bastante da popular píntiga. E máis pequeniña, máis lanzal, estreitiña e cunha cola longa; vive maiormente na auga e só existe en Galiza e Portugal (seguro que é reintegracionista).

3 comentários: