Recolección de cultura popular

Textos elaborados a partir da memoria colectiva do pobo galego

UN BOI QUE ESCORNEA, UNHA VACA LOURA, UN CERVO QUE VOA

Aínda que puidera parecer que os insectos, eses “insignificantes” animaliños, son alleos as nosas vidas o certo é que constantemente estamos en contacto con eles. Sexamos rurais ou urbanos eles son compañeiros inseparábeis. Ocuparon tódolos espazos da terra firme, e por suposto os que nos habitamos, sendo realmente a clase triunfadora do reino animal. Dentro do fascinante ou inquietante mundo dos insectos, hai tantos e tan variados que podemos facer clasificacións dende o punto de vista antropoxénico, e dicir ao noso gosto e antollo, e sempre haberá varios que entren en cada grupo. Por exemplo : Insectos que non fan máis que chinchar : moscas, sen ir máis lonxe. Insectos que son un regalo para os nosos sentidos: as bolboretas Parasitos que nos zugan o sangue: os mosquitos, ou, máis concretamente, as mosquitas chuchasangues Os parasitados por nós dos que aproveitamos o seu traballo para alimentarnos: as abellas Inimigos dos agricultores: os pollos ou pulgóns Aliados dos labregos/as :a xoaniña, que come os pollos ..... Hai insectos pequenos e grandes. Entre os insignificantes están os tímidos Lepismas que viven con nós, de inquilinos, nas vivendas; como non lles gosta nada a claridade corren a agacharse cando prendemos a lus do cuarto de baño. Entre os insectos grandes, quizais o mais aparente de todos sexa a vacaloura ou escornabois, de “alcume” científico Lucanus cervus Deste xigante é do que quería comentar algunha historia. A vacaloura é un insecto moi coñecido principalmente o macho, con características ben definidas: Primeira, o tamaño, que pode chegar a 8 cm. Unha verdadeira vaca, un fermoso boi. Segunda, a apariencia : teñen un par de queixadas ou mandíbulas moi desenvolvidas, enormes e aguzadas, con forma de cornos de cervo, que lle dan un aspecto moi ameazador (anque son totalmente inofensivos). E a terceira característica, que os fai moi evidentes, é que voan en vertical e cun zoar audible.
Estes atributos son do macho, que é o máis coñecido. A especie presenta un gran dimorfismo sexual e a femia resulta moito mais discreta: pasa por un coleóptero calquera, pero seguro que é moito máis intelixente.
Se aos rasgos que citamos anteriormente lle engadimos o de que teñen unha cor acastañada ou negra tirando a morada - loura- explicámonos en certo modo os nomes polo que son coñecidas as vacalouras nos diferentes idiomas, dende os dous coas que se coñece en galego ata o latín.
Agora que imos para o bo tempo traio a colación o escornabois. A partir de xuño teredes maiores oportunidades de ter relación con el. Eu vino varias veces en Donalbán, en Laxosa, preto de Lugo. Alí non houbo concentración parcelaria, polo que aínda quedan carballeiras; e as vacalouras son amigas dos carballos. Un dos encontros produciuse nunha corredoira, onde atopamos un exemplar que espernexaba panza arriba tratando de gañar unha postura mais decorosa. Recollido do chan por Iago descubrimos que xa estaba bastante escangallado (faltábanlle polo menos dúas patas), o cal non foi óbice para que o colocara amablemente nun carballo, por si lle quedara algunha posibilidade, aínda que agosto ía xa vencido e eles desaparecen co verán.
Outra das veces que recordo falar da vacaloura foi co amigo Xulio, que me comentou que un autoestopista que recollera levaba, atado por unha cordella, un escornabois de mascota. Non é estrano: seguindo coa clasificación sui xéneris con que iniciamos este comentario, diríamos que hai insectos que gozan de unha grande antipatía, como o alacrán, e insectos aos que se lles ten cariño, como é o caso do escornabois. Ven esta amizade de vello, xa que en tempos considerábanse os cornos de vacaloura un eficaz amuleto contra as meigas que podían botar algún mal.
A vacaloura é tamén un personaxe no entroido en Ourense, e diferentes organizacións, grupos musicais e publicacións utilizan vacaloura ou escornabois para darlle nome os seus proxectos, fenómeno que tamén nos da idea da aptitude positiva cara este insecto, noutro tempo moi abundante. Eran abondosos os carballos e os escornabois están ligados a eles pola súa bioloxía. Aproveitan a súa madeira morta ou podre para criar as larvas e zugan neles a linfa nutricia sen ocasionarlles dano ningún. Carballos e escornaboios forman unha conxunción perfeccionada durante miles de anos. Pero xa sabemos o que está a acontecer coas carballeiras: unha tras outra van caendo, sen que de momento haxa quen as repoña, salvo en contados casos simbólicos. Lugo, nomeadamente, nos últimos tempos é un exemplo desta desfeita que custará reparar centos de anos. Nesta depredación sobre o noso medio máis natural parece estar a causa da diminución desta especie que xa está na lamentable categoría de “vulnerable”.
É obrigado facer algo para que os tempos cambien para os carballos e para os escornabois, algo para impedir que queden reducidos a sonoros nomes ou a imaxes de arquivo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário