
VIBORA, PERIGOSA PERO NON TANTO...
O verán arrecende a herba seca, sona ó rular, é tempo de cabaliños do demo, de escalos, de coellos ou de víboras. E de víboras vai este comentario.
Na Galiza temos dúas especies de víboras: Vipera seoanei e a Vipera latastei ou víbora fuciñuda.
A pesares da mala sona que esta difundida contra moitos animais,se non temos alerxias especiais, da nosa fauna só as víboras poden facernos pasar apuros.
As víboras teñen veleno, aínda que non tan potente como se cree, e ademais podemos atopalas en moitos habitats incluíndo zonas húmidas e mesmo na auga.
Non hai rexistradas defuncións por trabada de víbora aínda que de cando en vez escoitamos casos de xente que foi atendida por causa da mordida deste réptil. Eu recordo un caso en Bergantiños dunha persoa que traballaba no campo, lembro tamén outro curioso suceso en Lugo onde unha rapaza fora trabada por unha víbora que se agochara nun carrusel de feira. O pasado verán, a miña compañeira Carme, relatarame o caso do seu sobriño naturalista a quen picara unha víbora en Mera despois de manipular reiterada e inconscientemente ao velenoso ofidio. Por certo, o rapaz non quedou traumatizado e aínda anda detrás das serpes cando da con unha no campo.
Pero para min o país das víboras e Donalban, en Laxosa, no Concello do Corgo.
O primeiro encontro , van aló varios anos, foi cando un paxariño desesperado armaba un gran barullo tentando chamar a atención de quen fose para librar os seu poliños dunha ameaza mortal. A estratexia liberadora funcionoulle ao paxariño e fun ver que pasaba na sebe da que saía tal escándalo. Cando me acheguei vin a serpe, unha víbora que tentaba subir polo arbusto. O sentirme a depredadora tentou fuxir a carón do muro pero, como a queriamos observar de preto, tentamos pillala mentres que Rosario, a tía do meu cuñado, marchaba berrando moi espantada pois o arreguizo que lle producen as cobras fáiselle insoportable.
Noutras ocasións teño visto a víbora esmagada, o seu inconfundible debuxo do lombo formando parte do camiño. A última experiencia foi este mesmo verán no que voltamos ver outra víbora dentro da finca, onde está a casa da miña irmá e do seu home, que ven sendo casa de acollida para a variada fauna familiar e para a fauna salvaxe a pesar de estar circundada por un muro pouco ecolóxico por ser case impermeable.
Este inquietante descubrimento motivou ao meu sobriño Perico a contarme o caso dun veciño que paso a relatar:
O home tentaba subir un balado cando sentiu unha picada nun pe e entreviu algo que se perdía entre as herbas. Estaba o home nunha zona apartada onde chamar por alguén seria tarefa inútil. Decidiu votar para casa, e custoulle, xa que empezara a dor na perna que estaba denegrida e inchada. Cando chegou, a pesar de poder pedir axuda doadamente, como é un home dos de antes, fixo o que lle veu a cabeza e discurriu meter o pé en auga moi quente e moi fría alternativamente.
A auga púxoa a máxima temperatura que podía soportar e claro, acabou escaldando o pe e sei que chegou a esfolalo como se fose a muda da cobra. Naturalmente o médico cando se enterou botoulle unha boa reprimenda.
Na antigüidade, se che picaba unha víbora parece que lle recoñecían propiedades curativas a unha planta coñecida como Echium vulgaris tamén chamada soaxe ou borraxa brava. Hoxe está descartado este remedio e outras prácticas caseiras, ou peliculeiras, como o de abrir un corte na ferida e chuchar o sangue. O aconsellado e facer o seguinte:
Manter a calma, non poñerse dos nervios, para non aumentar o ritmo cardíaco.
Poñer un torniquete non demasiado apertado
E acudir a un centro médico para que apliquen, si o consideran oportuno os antisoros necesarios.
Na actualidade ter complicacións graves por mor dunha víbora non está xustificado.
Convén saber que a víbora é especie protexida polo Convenio de Berna e que non son agresivas nin están agardando ao primeiro infeliz que pase para mordelo. Son asustadizas e fuxidías, o último que queren é enfrontarse ca xente. Eu, por exemplo, tiven que facer esforzos para tirarlle o retrato, había que aproximarse cautelosamente porque retirábase a súa cova cando sentía a mínima proximidade humana.
Por último dicir que cando ves por vez primeira unha víbora decátaste que é diferente ao resto das cobras. Son recoñecibles polo debuxo dorsal que semella un ziguezague, e polo corpo gordecho que se estreita no pescozo antes da pequena cabeza triangular. Fixándose con detalle apreciase o v debuxado na cabeza e os ollos ca meniña (santiña) vertical son definitivos para recoñecer a Víbora, señora de todas as cobras, respectada por todas as criaturas.
Claro que sempre hai excepcións, coma a do ourizo cacho que si bate con unha, encantado a papa.
Nenhum comentário:
Postar um comentário